Chantada Films
Nestes tempos de demolición da tradición cultural, onde a simplicidade estilística e o refinamento nos seus temas, CHANTADA FILMS cre necesario un rexurdir da arte popular e de masas cunha actitude estética de arte aborixe.
Esta transición pasa por unha estrutura narrativa e figurativa dun movemento artístico que represente os eventos e a realidade. Xerando unha serie de visións utópicas. Vendo cos ollos do espectador as situacións e secuencias cunha estética visual con profundidade de campo. Un festín de imaxes para crear unha ruptura lóxica temporal.
Dende CHANTADA FILMS intentamos sintetizar o espírito cinematográfico na arte de reprodución e de encantamento, de imaxe e son, de complicidade e de distanciamento, de personaxe e de espectador, así mostra a nosa Asociación o cinema RURAL UNDERGROUND.
Sentimos a necesidade dunha revisión estética tradicional do que supón a realidade cinematográfica neste mundo contemporáneo. Unha realidade artística, tan impensable, que a reacción das mentes máis esclarecidas vexan que unha nova dimensión é posible. Empresa nada fácil.
O estilo narrativo de CHANTADA FILMS chega ó nivel onírico de representación de imaxes de simboloxía iconoclasta, para que a capacidade de recepción do espectador produza unha mestura de estrañamento e pracer con efecto de vertixe.
Este sistema híbrido de artes audiovisuais, de vocación populista, aínda que deformado e subxectivista, contén unha certa realidade social que intenta violentar á natureza do tempo real, buscando ó azar as súas formas.
Nesta orxía, arremetemos con forza contra os convencionais canons establecidos, para retornar á pureza do automatismo psíquico e as motivacións irracionais do subconsciente.