Lugo Cultura DixitalMuralla Aberta #6

O sexto número da revista dixital Muralla Aberta recolle algunhas das iniciativas culturais máis destacadas da provincia; o Entroido de Foz e a viticultura heroica, tradicións de gran valor pola hisotira do noso territorio.
Seguimos destacando a importancia do coidado do medio ambiente cunha entrevista exclusiva co oceanógrafo físico, surfeiro e activista ambiental Tony Butt nun marco inigualable, a Praia das Catedrais.
O noso compromiso coa sustentabilidade e a sociedade reflíctese no proxecto Sabores Saudables, no que destacados deportistas e profesionais da cociña elaboran receitas con produtos locais e promoven unha alimentación saudable.
Para rematar falamos co doutor en Dereito Adriano Alfonso Rodríguez, autor de “Gobernanza democrática y rendición de cuentas: control judicial de las actividades de inteligencia”, proxecto que foi presentado á última edición dos Premios García Goyena da Facultade de Dereito da Uned.

Descargar aquí

Lugo Cultura DixitalMuralla Aberta #5

Muralla Aberta 5 recolle as reflexións de Adriano J. Alfonso, Rafael Hidalgo, Sara Meijide e Guido Álvarez sobre o proceso de dixitalización experimentado en diferentes ámbitos e os cambios vividos nas súas profesións. Ademais, Carlos Gil achéganos aos fondos mariños da Mariña Lucense para transmitir a súa riqueza e lembrar a importancia da súa conservación.

Descargar aquí

Lugo Cultura DixitalMuralla Aberta #4

Un novo número da revista Muralla Aberta arranca en Lugo da man do historiador Fernando Arribas e a súa visión privilexiada sobor dos cruceiros na cidade. Non deixamos a urbe sen debullar un recordo infinito do escritor Lois Pérez á figura de Darío Xohan Cabana.

O catedrático Antonio Rigueiro achéganos unha exposición minuciosa acerca do clima, a vexetación natural e os cultivos en Galicia. Nesta mesma onda se plasma o ambicioso proxecto socioambiental “LugoNaturalMente” da UNED de Lugo e un numeroso programa de iniciativas con gran repercusión e distincións no plano nacional.

Ademais, nesta edición dedicamos unhas páxinas ao papel da muller nas artes facendo eco da carreira de Estíbaliz Veiga no que destaca a súa labor a prol da igualdade e a loita femenista.
Dedicamos a sección de asociacionimo ao poder da concienciación de Coidemos Lugo e á súa relevante mensaxe plasmada coa pluma de Ana Chas Seijas.
Para rematar, clausuramos esta nova entrega con outro sentido recordo a un personaxe lucense entrañable como é o artista multidisciplinar Paco Pestana.

Descargar aquí

Lugo Cultura DixitalMuralla Aberta #3

Neste novo número da revista Muralla Aberta detemos a nosa mirada na arte urbana da nosa cidade grazas á directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro. O historiador Juan Ramón Fernández Pacios relata outro xeito de chegar a Santiago a través do Camiño do Mar, unha variante do Camiño do Norte, e o escritor Xesús do Breogán rende homenaxe aos mariñeiros desaparecidos hai 75 anos no naufraxio do barco focense Jesús Nazareno.

Doutra banda, o guía lucense Guido Álvarez aproxímanos á historia de Lugo e fainos viaxar pola nosa cidade para gozar dos tesouros que esconde. E, coma sempre, nesta edición dedicamos unhas páxinas ao protagonista do Día das Letras Galegas 2020, ao escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero co relato da profesora Adela Figueroa no que destaca a súa labor na eduación en Lugo e a súa perspectiva pedagóxica, integrando a educación ambiental como peza fundamental do saber.

Dedicamos a sección de asociacionimo aos 31 anos da asociación focense A Pomba do Arco, un referente na defensa da lingua e cultura galegas, e na sección de patrimonio, viaxamos á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, e Alfoz, ao Castelo de Castrodouro.

Presentamos o proxecto da UNED #LugoNaturalmente, unha iniciativa que pretende poñer en valor o noso patrimonio ambiental, loitar contra o cambio climático, fomentar un xeito de vida máis sostible e difundir a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU.

Para rematar, clausuramos esta nova entrega con outro personaxe lucense, o premiado escritor e xornalista Álvaro Cunqueiro Mora.

Descargar aquí

Lugo Cultura DixitalMuralla Aberta #2

Neste terceiro número achegámonos ao traballo da Asociación Cultural Xermolos, que organiza o Festival de Pardiñas desde 1980. Amosamos tamén o traballo da Asociación Lugo Patrimonio, defensora da normalización da lingua galega e do noso patrimonio.

No ámbito da literatura, homenaxeamos a María Victoria Moreno, a protagonista do Día das Letras Galegas no ano 2018 e mostramos a comarca de Galicia máis extensa, a Terra Chá.

Recollemos ademais nesta edición un repertorio de música do grupo Evoéh e entrevistamos a Andrés Goteira, director da película Doghs.

Descargar aquí

Lugo Cultura DixitalMuralla Aberta #1

O segundo número da revista dixital Muralla Aberta destaca o valor do asociacionismo cultural na provincia con dúas entrevistas a representantes de Cultura do País, Terras de Lugo e Amigos do Patrimonio de Castroverde que nos permiten un mellor coñecemento das súas publicacións e actividades de recuperación e defensa do patrimonio local.

Por outra banda, continuamos con outro espazo de desenvolvemento cultural, o patrimonio museístico, con motivo do 10º aniversario da Rede Museística Provincial, que destaca pola consecución de museos máis democráticos e inclusivos.

Ademáis, este número 1 da publicación é xeneroso en contidos audiovisuais e difunde a nosa literatura e poesía da man dos escritores Javier González e Paco Rivas, os espazos naturais do tipo Reservas da Biosfera, como Terras do Miño ou Os Ancares Lucenses, e recolle un espazo para o pensamento coa participación de Mar Castro.

Descargar aquí

Lugo Cultura DixitalMuralla Aberta #0

O primeiro número da revista dixital Muralla Aberta conta coa colaboración de Alfredo Pardo Hermida, Aurelia Balseiro García e Juan Carlos Fernández Naveiro. O cineasta lucense Alfredo Pardo Hermida fálanos da historia do cine en Chantada, a directora do Museo Provincial de Lugo (MPL) Aurelia Balseiro escribe sobre o lucense Álvaro Gil Varela e a súa colección de ourivería antiga exposta no MPL. Ademais, Juan Carlos F. Naveiro, coordinador do Grupo Doxa de Filosofía, pecha a revista cun artigo de opinión sobre o control e a vixilancia aos que as nosas sociedades están expostas.

Doutra banda, o número 0 da revista aborda outros temas culturais, como a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, a muralla de Lugo, a poesía de Manuel Rodríguez López, a obra de Manuel María e Rosalía de Castro, así como recorda a diversas mulleres relevantes da cultura galega.

Descargar aquí